xoves, 3 de novembro de 2016

SEMANA DO MEDO

Na semana do Samaín, pasámolo de medo nas aulas de Educación Infantil...
Obradoiro de monstros, receitas terroríficas, calacús espantosos e festa, moita festa. 
Convídovos a que pasedes polo blog do cole (ceipcruceiro.wordpress.com) para ver o vídeo resumo desta celebración.

Ou, se preferides, premede na imaxe para ir directamente. 



luns, 24 de outubro de 2016

O Capitán Nemo axúdanos a coñecer aos tiburóns.



Que gran noticia! En canto decidimos que queriamos investigar TODO sobre os tiburóns, recibimos unha carta dun tal Capitán Nemo que nos quere botar unha man. Di que vive dentro dun libro, así que agora andamos intentando decubrir o título dese conto para poder coñecer ao Capitán. Por agora só sabemos que o escribiu Julio Verne, o home que sae nas nosas axendas. 

xoves, 29 de setembro de 2016

DESPEDIMOS O VERÁN

Volveu o outono e xa comezamos a ver as follas cambiando de cor.
Á espera dos ricos froitos que nos trae esta estación, apuramos os últimos propios do verán, como os deliciosos figos cos que nos agasallou Victoria. 

Grazas, Victoria! 



ATA OUTRA, VERÁN! 

venres, 16 de setembro de 2016

ARRANCAMOS

Xa estamos de volta e comezando con ganas un novo curso. 

Hoxe comprobamos, a través da dinámica da tea de araña, o importantes que somos todos e cada unha de nós para o grupo, ao igual que a nosa actitude para que a aula funcione. 
Se alguén solta o fío... todo se desfai! 





BENVIDAS E BENVIDOS ! COMEZA A AVENTURA! 

venres, 8 de xullo de 2016

BO VERÁN!

(Pinchade na imaxe)

Neste vídeo queda un repaso en imaxes do que foi o curso 2015-2016. Vémonos en setembro con enerxías renovadas! BO VERÁN. 

DEBERES PARA O VERÁN 2016.
1.     O xoves 23 dorme ata espertar.
2.     Se podes, recolle algunha herba coa túa familia para a auga de San Xoán.
3.     Xoga moito.
4.     Le, escoita ou bota un ollo a todos os libros que poidas.
5.     Xoga fóra da casa, ao aire libre.  
6.     Fai unha casiña “do bosque”.
7.     Observa as nubes igual que fixemos no cole.
8.     Xoga moito.
9.     Dille ao avó ou á avoa que che conte unha historia de cando eran pequenos/as.
10. Cociña algunha receita coa túa familia.
11.  Axuda nas tarefas da casa.
12.  Se estás esperto/a cando saian as estrelas, míraas.
13.  Fai caso do que che din mamá e papá.
14.  Fai debuxos na area da praia.
15.  Brinca tan alto como poidas.
16.  Dilles a mamá, a papá e ao resto da familia que os queres.
17.  Xoga moito e con outros nenos e nenas.
18. Pregunta, se queres saber algo.
19.  Baila e canta ata cansar.
20. Senta debaixo dunha árbore.
21.  Coida da natureza que hai ao teu arredor e desfruta dela.


                               BOAS VACACIÓNS!! UN BICAZO! 

Aviso para as familias.

Prezadas familias,
xa están todas as fotos dispoñibles nas seguintes ligazóns:

https://drive.google.com/folderview?id=0B7yOdxiUEAbbMTItQk8ycVE3R1k&usp=sharing

https://drive.google.com/folderview?id=0B7yOdxiUEAbbdzF1dkFkSnRwaEU&usp=sharing

https://drive.google.com/folderview?id=0B7yOdxiUEAbbdW5zdDgzTjVWQXc&usp=sharing



Botade un ollo porque hai algunhas máis das que foron almacenadas nos pinchos e tamén todas a montaxes de vídeo.
Unha aperta! 

luns, 4 de xullo de 2016

RUXE-RUXE NA COLMEA.

Aquí un resumo do noso proxecto de investigación sobre as abellas. 

(Preme na imaxe)

domingo, 19 de xuño de 2016

CONVIDADAS ESPECIAIS: AS FAMILIAS.

Nas últimas semanas deste curso, tivemos a sorte de contar coa visita dalgunhas nais que se animaron a facer actividades co grupo.

Primeiro, na Semana das Letras Galegas, Sonia, a nai de Diego, agasallounos coa lectura dun conto moi especial : " A avoa Encarna fai niño". Fermoso.




Estefanía, a nai de Ainhoa, ensinounos a facer un cespín. Primeiro, preparamos o boneco e, despois, botamos as sementes do seu "pelo". Agora que xa pasaron unhas semanas, podemos dicirvos que os nosos cespíns xa teñen melena! Facede click na imaxe para ver un pequeno vídeo coas imaxes dese día.


Sonia volveu e, coa súa axuda, puxémoslle a cara do monstro das galletas a unhas magdalenas. Ademais, tróuxonos fondant para modelar como se fose plastilina. Moi rico e divertido! Preme para ver o vídeo.


Por último, Ebana, a nai de Sara Bolabo, amosounos como facer os nosos propios deseños con pintura en camisetas. Quedaron estupendas, moi persoais e únicas! Pincha para ver o vídeo.


Moitísimas grazas ás tres por participar e compartir con nós todo isto! 

Para o curso vindeiro máis!! 

sábado, 18 de xuño de 2016

MURAL DE VERÁN.

Eses pés rebuldeiros que teñen os nenos e nenas desta clase non ían servir só para correr e brincar de seguido... Sacámoslle proveito como instrumentos de pintura para facer o noso mural estival. 

Primeiro, saímos ao patio para observar as cores que nos arrodean estes días e escoller as témperas máis axeitadas para plasmar a paisaxe de xuño. 

Despois, pés á obra!

Desta volta, foron calzados e forrados con plástico de burbullas, o que permitiu crear esa textura tan agradable no deseño final. 

Foi divertido. 











xoves, 26 de maio de 2016

IMAXINA QUE O MUNDO FOSE UNHA GRAN BIBLIOTECA!

O venres día 20, saímos do colexio cunha misión importante. 
Agasallar ao mundo con poesía! 
Soltamos unha chea de poemas que levaban esta nota por detrás:



IMAXINA QUE O MUNDO FOSE UNHA GRAN BIBLIOTECA!

POIS ISTO QUE TES NAS MANS É UN POEMA VIAXEIRO.

SAÍU DO COLEXIO DE VILALONGA, PERO QUEN SABE A ONDE CHEGARÁ! 


DESFRUTA COA SÚA LECTURA E , DESPOIS, DÉIXAO LIBRE NO LUGAR QUE TI PREFIRAS PARA QUE OUTRAS PERSOAS O POIDAN ATOPAR.

COMO OS PRIMEIROS EN SOLTALO FORON OS NENOS E NENAS DE INFANTIL DO COLE O CRUCEIRO, PEDÍMOSCHE QUE NOS ENVÍES UNHA FOTO CO POEMA PARA QUE POIDAN COMPROBAR QUE SEGUE VIAXANDO E QUE MOITAS PERSOAS ESTÁN A DESFRUTAR DA SÚA LECTURA.


GRAZAS!

MOITA E BOA LECTURA!

Debaixo dun banco, colgados nas árbores, detrás das fontes... 
Polo de agora, sabemos que un anda por Pontevedra e outro xa chegou a Cans en Porriño! 







Que continúen a viaxar! 



(Preme na imaxe para ver o vídeo)

mércores, 4 de maio de 2016

AÍ VÉN O MAIO CUBERTO DE FLORES!


"Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros..."
                                                                                                     Manuel Curros Enríquez.










sábado, 23 de abril de 2016

LER FAINOS LIBRES.


Coa excusa da celebración do Día do Libro, aproveitamos para escribir os nosos propios "minilibros" e compartímolos cos nosos compañeiros e compañeiras de tres anos que desfrutaron moito coas nosas narracións.







Tamén fixemos un "bookcrossing". Escollemos un conto da nosa biblioteca de aula e convertémolo en libro viaxeiro: puxémoslle unha notiña dentro e deixámolo no patio para que o atopasen outros nenos e nenas e o puidesen ler. Nós tamén atopamos algún! 



QUE LEAMOS MOITO! E TODOS OS DÍAS DO ANO... 

martes, 19 de abril de 2016

UNHA ILLA NO MEDIO DO MAR...

Foi unha aventura interesante a nosa investigación sobre as illas. Aprendemos moitas cousas novas.
Neste vídeo recollemos algúns dos momentos deste pequeno proxecto.




                                                                                                                   (Premede na imaxe)

Cor e música.

Pintamos inspirados e inspiradas pola "Primavera" de Antonio Vivaldi. 
Grandes obras de arte froito da concentración e deleite con esta fermosa melodía. 
Premede na imaxe para desfrutar da peza musical. 





Facede click nas imaxes para ver uns vídeos curtiños da actividade. 




ANIVERSARIOS SEGUNDO TRIMESTRE

Parabéns!





(Preme na imaxe)